Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Cinema na praza

Blog sobre cinema en Praza Pública
Sobre o blog  

Chris Marker (1921 - 2012)

É evidente que a maioría da xente non sabe quen foi Chris Marker (persoalmente, ata dubido que el quixese ser recoñecido mundialmente). Un cineasta poético, ensaístico, experimental… todo o que de primeiras bota para atrás ao público, acostumado ao cine da industria hollywoodiense. Mais cómpre empregar uns minutos e visionar algunha das súas obras para quedar prendado do seu exclusivo toque.

Definir o cine de Chris Marker é complicado, ao igual que é complicado definilo a el: o seu lugar de nacemento é unha incógnita, ao igual que o seu verdadeiro nome, son escasas as entrevistas que concedeu e apenas existen fotografías del. 

A súa obra é ante todo unha adaptación a cada un dos tempos vividos. Marker soubo adaptarse a cada cambio tecnolóxico, ir á cabeza das innovacións e atopar nelas novas formas de facer cine. En Level Five (1997), por exemplo, a aproximación que fai ao terreo dos videoxogos e ordenadores é algo novidoso e rompedor nun documental. Nos últimos anos, o realizador tamén estivo presente en redes coma SecondLife ou Youtube. Ademais da innovación, outra característica do seu cine é a melancolía, a memoria e a rememoranza deses feitos. La Jetée (1962) é un extraordinario traballo sobre vivir nos propios recordos e acadar a felicidade mediante esas experiencias revividas.

Os gatos, o tratamento da morte, a narración ensaística, a lírica dos seus textos… pódese falar da súa obra, da súa vida, buscar información, textos de expertos, etc. Podemos facer todo eso e, aínda así, seguiremos sin saber nada de Chris Marker. E a única forma que teremos de achegarnos a saber quen foi será a través das obras que nos deixou ao longo da súa vida.